Insieme


Suroestes que traen as nubes grises
os aires do confinamento veñen
coas súas voltas cargadas de humidade

Os días pasan desde a ventá vidrada
vendo nacer a primavera nova
das augas mil de choiva fertilizante

Xa non se escoitan os nenos xogar
enmudeceron as alarmas
que marcaban o ritmo da vida anterior

Parouse o tempo no mes de marzo
e o cambio de estación pasou
mais aínda é inverno nos corazóns

Unha néboa de morte e esperanza
chegou de onde nace o sol
para poñer ós homes no seu lugar

Ventos do leste que nos privaron
da liberdade conquerida
e con raiba aplaudimos no serán

Rúas baleiras, e paseos sen xente
xente sen paseos e desfiles
de xeles, máscaras e luvas, de medos

Tempos de heroes sen capa, e tamén
de políticos acobardados
loitando nunha guerra equivocada

O alborexo traerá a nova era do mañá
logo desta noite longa
e volveremos a sentir o mar nas plantas dos pés

Prometo estar contigo nese día futuro
non hai maior tesouro
que sentir a salitre nos pulmóns e o sol na cara

As cousas máis valiosas non custan cartos
quérote tanto meu amor
queimémonos no lume eterno de San Xoan

O meu corpo libra a súa batalla persoal
contra unha coroa vermella
mais axiña venceremos, xuntos na distancia

Non van poder con nós!


Comentarios

Entradas populares