E L A

A miña heroína é unha superheroína.

Non leva capa, porque non lle é precisa. 

Leva mandil, que é a capa da nai galega. 

A capa da nai dos mil refráns, da nai labrega.


Muller amante da terrra
e de todo o que dela sae
se cría, e medra. 

Nai matriarca.
Muller verdadeira 
e sustento da familia. 

Nai traballadora. 

Mans de vida que
crean. 

Matrona céltica.

A miña "Breogana"
a guerreira. 

Ás veces fráxil
do teima que teima.

A do triste ollar 
e roxas meixelas. 

Muller boa e xenerosa.
Muller galega. 

Nai dende moi nena, 
na escola da vida
aprendeu ela. 

Destas nais, poucas, 
coma ela, ningunha.

Cada día ela aprende de min,
e eu aprendo dela. 

A imprescindible, 
a nosa nai, 
a que aconsella.

Nai que acolle e alimenta,
paciente e inqueda.

A miña nai, a farturenta,
a do forno e a artesa. 
A da mesa chea. 

A miña nai e a dos meus, 
todos son fillos dela. 



Sempre o foi, 

sempre será,

e que sempre

así sexa.

Comentarios

Entradas populares