DUCADOS NEGRO

SEMIESPIDO, CASE EN COIROS


Teño días nos que necesito que alguén se achegue a min
e me diga quén son en realidade
Teño días nos que son
soamente
unha sombra que percorre as rúas de pedra
e que se mestura entre as xentes.

SEMIESPIDO

Teño días nos que a soedade me busca
para que eu lle faga compaña

Teño días nos que desexaría vivir en verso
a promesa dun futuro que non me afogue

Teño días nos que as lembranzas pesan tanto
que me encollen os pulmóns, e vou
queimando as horas entre o fume do tabaco

Teño días nos que sinto que xa non son
días nos que os folgos emigraron
e xa non distingo entre luz e tebras.


 CASE EN COIROS

Teño días nos que desexo ser mellor
nos que me fago promesas que, 
sei que non vou ser quen de cumplir.

Teño días nos que só me valen
algúns abrazos e unha palabra de alento
días nos que encho follas, nas que, 
deixo todo o pouco que son.

Teño días nos que agardo pola mensaxe
que me dea azos de liberdade.
Días nos que releo poesías pouco feitas. 

Teño momentos lúcidos que  se intercalan
con recordos do que xa foi, e nin sei se será.

Días nos que non sei nada,
nos que me resigno a ficar só
por non molestar a ninguén.

Días nos que imaxino ó meu par
escribindo nunha folla en branco.
E, como se dun espello macabro,
nalgún lugar do planeta
outro ser sinta o mesmo que eu.

 SEMIESPIDO

E, vencido polo peso do mundo,
entre cancións e cigarros,
entre saloucos irresolubles, 
se desangre nunha folla.

Enxugue as súas bágoas na almofada
e cando volva en sí, escriba entre desesperos.
Entre calada, e calada. Coma quen 
lle fala a un amigo ó corazón: 
Teño días...

E, ao rematar o discurso fatalista,
o desafogo mundano,
agarde por unha aperta,
confidente e cómplice.
Que desaxustille o peito,
que che permita seguir camiñando.




E brindar á vida por ser nós. Sempre.
Só pola ledicia de ter días. 

Comentarios

Entradas populares