ÁNIMAS EN CONSERVA.

Camiño nos lindes do tempo
fronteira do que foi, e
xa nunca será, cando
o andar estrepitoso do mundo
te move, nada volve ser o que foi,
discorren sentimentos por sumidoiros,
a vida que magoa,
dobres sentidos detrás dun vidro afumado
pantallas de televisión
anime xaponés e bágoas.
Latexos cíclicos dun corazón humano
queren bombear cara atrás
como máquina do tempo
é inútil xa,
o andado non se desanda.
o peto do peito medra.
Simplezas anacrónicas en lata
non caben agora
fuxen de min, marchan
ilusións en cohete
comprimidos de inocencia
monodose
e con receita,e,
agora non, que non o vexan.
Memoria fráxil de xente
corda infinita de tempo
irrealidades incumpridas
fantasía inútil de
soños infantís.
Estúpidas transicións
metafísicamente necesarias,
erros de dor nefrítica
incongruencias do
arrepentimento.
Vivencias no lintel
da cobardía
hipocresía mundana
homes antipersoa
a eternidade da dúbida
prostitución morfolóxica
dos verbos copulativos.
Soedades repartidas
por encargo.
Caixas de soños
estibadas no faiado,
os sete selos do
apocalipse,
amizade envasada
ó baleiro.
Merece a pena?

Comentarios

Entradas populares