Salgaduras

Deitado na area, o meu corpo vai ficando mol
coas raiolas dun sol oblicuo.

Sol do serán de xullo, que se resiste a morrer,
no solsticio aínda lonxano do inverno futuro.

Na praia escollida, a nortada atopa o seu acougo,
e as bategadas salvaxes do vento norte, que mallan
sen piedade, onde a ría se perde no océano atlante.

Son unha brisa deliciosa, que me acariña o peito
conducidos e freados polas soaves e redondas
ladeiras dos montes da Ventureira.

Diante de min, area e sal.

O vento estival limpa de bruma a ría máxica, e
permite ver con claridade a península morraceira,
lanzal, e bicada polo mar, semella un espellismo.

Outrora cuberto de néboa e misterio.

A baixamar deixa ó descuberto pozas e pedras,
onde os rapaces corren tras dos cangrexos e peixiños.

Nelas vexo o meu propio reflexo de neno curioso, e
apaixonado do verán.

Axiña a marea voltará a cubrir as pedras de auga, e
eu marcharei desta praia.

No ocaso porei rumbo a occidente.





Comentarios

Entradas populares