DA TERRA

Airiños, airiños, aires,
airiños do gran atlante.
Airiños, airiños, aires,
deixai que eu vos alcance.
Que antes de que sopredes,
desde o gran océano espumante,
levaime, levaime airiños,
nun vendaval de levante.

Pois se non me levais, airiños,
cargados de salgadura,
se non me levais airiños
o desacougo non terá cura.
Se non me levais á praia
onde o sol ourente deita
no berce dos sete altares
o alborexo último da terra.

Levaime aires vizosos,
airiños da miña terra,
aló onde a pedra fala
aló onde escoita o poeta,
o son da chuvia miúda,
caldeiradas que agorentan.
Aló prados de herba verde,
vales cobertos de néboa,
que cando cala pousa no río
o vento sur que atempera.

Aires cheos de humidade,
auga que de lonxe chega
traída polos airiños,
os aires da miña terra.
Se non me levais airiños,
que veña a negra tormenta,
de saudades me cobra e
renegue ser fillo dela.
Tal semellante pecado,
é non voltar máis á terra
que o día que lonxe morra
a ialma dará con ela.

Que o meu espírito repose
nas frondosas carballeiras
nos ourizos dos castañales,
nos aquelarres das meigas,
na cruz da Santa Compaña,
e na luz do Arco da Vella.
Levaime, aires airiños,
a Teixido na costa atlante.
Levaime, levaime airiños.
Airiños, ó mar xigante.

Comentarios

Entradas populares