Triskel
PRIMEIRA
Desde o alto dos cantís do Cabo do castro.
vexo voar unha gaivota que vai cara ó mar.
Eu quixera ser esa ave pescantina
que abre ó ceo eterno as súas ás.
Son estas rochas, que me chaman,
á escuma que se arremuíña coa corrente.
Das laxes afiadas, que desafían aló embaixo
o bater e remexer do Atlántico que me reclama.
Chámanme os sons da morte para saltar ó infinito
i eles saberán se teño aquí a miña hora.
Non hai noite máis escura, no poñente do día,
cando o sol se garda tras das illas.
E os pinos bailan coa última aurora.
Os grilos pregoan con cantos fúnebres
a fin do meu camiño, que se deita no mar.
Nos últimos suspiros, un salto de arroás.
SEGUNDA
Mar adiante, no Cabo do castro,
deixo un mundo ás miñas costas.
Os pedregullos do camiño,
salpicado de carrasquiña
os meus pasos cara a fronte.
Aló na vereda acaba,
onde os corvos mariños foxen
e se vai o día
e non se sabe para ónde.
Un alma que devece por sulcar os ceos.
Cara ónde voa?
Un corpo quedo que devece,
e que busca ser levado pola corrente.
Procura un porto de abrigo,
húmido,
húmido,
no que repousar por sempre.
TERCEIRA
Co fulgor da primeira estrela
cae unha bágoa enxoita.
Molla o polvorento chan.
I o corpo chama pola almiña,
que devecía por viaxar.
Volve almiña, volve.
Non será hoxe cando me bote.
Mais quén sabe si mañá...
Morte,
que ós ollos me miraste,
que ós ollos me miraste,
vaite pronta e vaite xa,
deixa que a vida incerta
na boca me queira
volver bicar.
PRÓLOGO
Cando sinto a miña alma presa
e lonxe me atopo do meu lar
sinto como as mouras por min chaman
para que o volva intentar.
Camiño do Cabo do castro,
morre a terra e nace o mar.
Comentarios
Publicar un comentario